Roteiro polas Areeiras da Limia
A conca sedimentaria da Limia, situada no centro da provincia de Ourense, estivo parcialmente inundada pola lagoa de Antela ata finais da década de 1950. Tras a súa drenaxe, extraeuse da zona area de alta calidade destinada á construción. A extracción de area provoca que os ocos mineiros se inunden rapidamente, ao atoparse sobre un acuífero altamente permeable, como o desta comarca. Na Limia pódese observar con claridade a rapidez coa que a natureza se adapta ás transformacións do medio, creando novos espazos cun elevado nivel de biodiversidade.
A comarca da Limia, tras a desecación da Lagoa de Antela, converteuse nunha zona de grande riqueza agrícola, especialmente dedicada ao cultivo da pataca e dos cereais, actividade que se complementa coa extracción de áridos. O Imperio Romano, hai uns 2.000 anos, xa intentara desecar a lagoa para dedicar aquelas terras á agricultura, pero fracasou, así como outros intentos posteriores.
A chaira, case perfectamente plana, mantense debido ao baixo poder erosivo do río Limia, que drena toda a conca. O seu caudal é tan baixo que aínda non foi capaz de erosionar as formacións graníticas que pechan a conca polo suroeste e, en consecuencia, tampouco puido modificar a chaira formada pola acumulación de sedimentos.
A roteiro comeza no observatorio de aves que o Concello de Sandiás construíu xunto a un dos ocos mineiros restaurados. O acceso realízase desde o quilómetro 3 da estrada comarcal que une Xinzo de Limia con Celanova.
CONTEXTO XEOLÓXICO
A conca sedimentaria do Limia comezou a formarse durante a oroxenia alpina, hai aproximadamente 70 millóns de anos, e continúa evolucionando ata a actualidade. Na gran chaira que ocupaba o noroeste da Península Ibérica nese tempo, a colisión da placa africana coa península provocou a fracturación da superficie en bloques, dos cales algúns se elevaron máis ca outros. A conca do Limia está formada por un conxunto de bloques que se elevaron menos que os dos seus alredores.
Cando un bloque se eleva uns poucos milímetros por ano respecto dos veciños, a súa superficie erosiónase e os materiais resultantes son transportados polos cursos de auga cara aos bloques máis baixos, onde se acumulan.
A parte superior deste recheo sedimentario corresponde ao Holoceno, é dicir, aos últimos 12.000 anos, polo que é xeolóxicamente moi recente. A parte inferior, que nalgúns puntos supera os 200 metros de profundidade, non está datada, pero polas similitudes con outras concas sedimentarias galegas estímase que podería ter uns 4 millóns de anos de antigüidade.
O recheo está composto por materiais erosionados das zonas circundantes ao longo de millóns de anos: area grosa, area fina, limos e arxilas. A uns 30 metros de profundidade aparece unha capa continua de arxila, e arredor dos 90 metros destaca a presenza dunha capa moi fina de carbón tipo lignito.
NICIO/