Roteiro de Mina Mercedes e Porto Piñeiro
No concello pontevedrés de Valga, moi preto da desembocadura do río Ulla na ría de Arousa, atópanse as lagoas de Mina Mercedes e Porto Piñeiro. Antigas explotacións de arxila a ceo aberto, hoxe abandonadas, enchéronse de auga e convertéronse nos maiores lagos artificiais da provincia de Pontevedra. A zona está a ser acondicionada con novas infraestruturas que a transformarán nun espazo de referencia polo seu valor lúdico, paisaxístico e ambiental.
A extracción de arxila nesta zona remóntase a máis de 2.000 anos, con evidencias arqueolóxicas que apuntan a unha actividade prerromana. No século XVIII, o Catastro do Marqués de Ensenada xa recollía esta actividade mineira. A finais do século XIX e comezos do XX existiron pequenas industrias cerámicas, ata que en 1921 a empresa Escudero y Cía construíu unha fábrica que industrializou a produción de ladrillos, tellas e bovedillas. En 1927, o control da fábrica pasou ao grupo empresarial Novo y Sierra. Esta empresa continuou ata o peche da fábrica en 2009.
CONTEXTO XEOLÓXICO
As antigas canteiras de arxila sitúanse sobre depósitos sedimentarios recentes, acumulados polo río Ulla e polos seus afluentes —Valga e Louro— durante os últimos 12.000 anos. Baixo estes sedimentos aparecen rochas metamórficas paleozoicas (lousas, xistos e neises, de máis de 400 millóns de anos) e granitos formados hai uns 300 millóns de anos.
As arxilas son rochas sedimentarias de gran moi fino (menos de 0,003 mm), formadas por silicatos de aluminio hidratados procedentes da meteorización química de feldespatos presentes en granitos e rochas metamórficas. O seu transporte realízase en suspensión na auga dos ríos, e só se depositan cando o fluxo é moi lento ou a auga permanece estancada. A converxencia de varios cursos fluviais nesta zona favoreceu a formación de pequenos lagos onde se acumularon estas arxilas.
A nivel microscópico, as arxilas están formadas por capas de tetraedros de SiO₄ e octaedros de AlO₆. Entre elas existe un espazo chamado interfoliar que pode albergar moléculas de auga, o que explica a súa plasticidade cando están húmidas e a súa dureza cando se secan. Estas propiedades fan das arxilas un material esencial na fabricación de ladrillos, tellas e outros materiais de construción. Tamén se empregan para cerámica, papel, cosméticos e na agricultura ecolóxica.