Pasar al contenido principal

Rede de Minaría do Estaño e o Volframio

Rede de Minaría do Estaño e o Volframio

Mina San Finx (ano 1929)

A Raíz Histórica do estaño en Galicia

A minaría do estaño está considerada como a primeira actividade extractiva constatada e organizada en Galicia, marcando un fito fundamental na súa historia temperá.

O estaño non é un metal valioso pola súa aplicación en solitario, senón pola súa aleación co cobre. Cando se engade unha pequena porcentaxe de estaño ao cobre, obtense o bronce, unha aliaxe moito máis resistente, dura e doada de fundir que o cobre puro. Este avance tecnolóxico definiu toda unha era: a Idade do Bronce. Na natureza, o estaño adoita atoparse no mineral de casiterita (SnO2), un óxido de estaño de cor parda a gris escura.

Mina de Fontao (actualidade - anos 30, Asociación Buxa)

Os Primeiros Vínculos Comerciais

Varios séculos antes da nosa era (previamente á romanización), a paisaxe galega estaba salpicada de castros metalúrxicos. Estes non só fornecían bronce para o uso cotián e a fabricación de ferramentas e armas aos habitantes locais, senón que tamén se converteron en centros de exportación. O estaño galego atraeu a importantes comerciantes fenicios e, posteriormente, a outros pobos mediterráneos, que chegaban ás Rías Baixas para obter este recurso estratéxico. Este intenso tráfico comercial estableceu sólidas vías de intercambio con zonas do sur peninsular (como Tartessos, un intermediario crave) e, a través delas, co resto do Mediterráneo. A existencia deste fluxo comercial estable e a súa mención por fontes antigas indican a notable e antiga abundancia de xacementos de estaño en Galicia, que a converteron nunha fonte esencial para o desenvolvemento da Idade do Bronce xunto con outras partes de Europa.

Buscando mineral en San Finx

Libro As Minas de Wolfram de Vilanova

Mina de Fontao (Fonte: Asociación Buxa)

O Transporte do Mineral: A Praga do Estaño

Resulta interesante destacar que o estaño non sempre se transportaba xa fundido en forma de metal; a miúdo viaxaba como casiterita (o óxido natural) ou en lingotes de bronce. Isto debeuse, en parte, a unha singularidade química do metal coñecida como o "mal do estaño" ou "praga do estaño".

O estaño metálico é un metal gris brillante e consistente a temperatura ambiente. Con todo, se a temperatura ambiente descende por debaixo dos 13,2 ºC, o estaño branco sofre unha transformación na súa estrutura cristalina. Convértese nun po moi fráxil, de baixa densidade e sen as propiedades metálicas desexadas. O máis perigoso deste fenómeno é que o po gris pode actuar espallándose e degradando rapidamente outras pezas de estaño metálico próximas, de aí o nome de "praga". Transportar o mineral en forma de óxido (casiterita) evitaba este grave problema de degradación durante as longas viaxes marítimas ou terrestres nas que as temperaturas podían variar drasticamente.

1. A minería de estaño preindustrial.

Durante séculos, a extracción de estaño en Galicia non só se mantivo, senón que se intensificou. Coa chegada e consolidación do Imperio Romano, a minaría galega experimentou unha transformación radical. Aínda que é certo que os romanos centraron o seu máximo esforzo e interese na extracción de ouro (utilizando técnicas de enxeñería hidráulica de gran escala, como as famosas médulas), o estaño non foi ignorado.

Xunto co ouro, o Imperio extraía abundantemente estaño. Este metal continuou a ser un recurso crave, empregándose non só para a produción de bronce (necesario para ferramentas e armas) senón tamén para outros fins na vida cotiá romana, como a tubería de auga e aliacións en diferentes obxectos. A explotación romana sistematizou a minaría, aproveitando os depósitos xa coñecidos e abrindo novas vetas.

Despois do colapso do Imperio Romano e durante a Idade Media, a minaría do estaño persistiu en Galicia.

Molinos e fornos de Beariz onde se fundía o estaño

Traballadores na Mina de Fontao (Fonte: Asociación Buxa)

2. O apoxeo industrial dos séculos XIX e XX.

A finais do século XIX, o estaño deixou de ser un metal con aplicacións maioritariamente históricas para converterse nun recurso esencial da nova industria moderna. O seu uso medrou considerablemente debido á revolución da conservación de alimentos e á evolución da tecnoloxía. O estaño é un metal non tóxico e resistente á corrosión, características que o fixeron ideal para o enlatado. O desenvolvemento e popularización das latas de conserva disparou a demanda. Ademais, o estaño comezou a ser fundamental na fabricación de novas aliaxes industriais e como soldadura.

Este aumento global da demanda tivo un impacto directo en Galicia. As históricas minas de estaño, que databan da Idade do Bronce e foran explotadas esporadicamente polos romanos e na Idade Media, reabriron as súas portas cun novo enfoque industrializado. Zonas ricas en casiterita, como o Macizo Central Ourensán e diversas áreas de Pontevedra, viron nacer minas e plantas de concentración, transformando a economía rural galega e vinculando a rexión de xeito crucial ás cadeas de subministración globais do século XX.

3. As explotacións de volframio: “A Nova Febre do Ouro Negro”

O destino da minaría galega cambiaría drasticamente de novo a principios do século XX debido a un mineral que antes era unha simple impureza. Observárase que o estaño (na casiterita) se atopaba a miúdo asociado ao volframio (ou tungsteno), presente en minerais como a wolframita (FeMnWO4) ou a scheelita (CaWO4). O volframio é un metal de cor máis escura, máis denso, extremadamente duro e cun punto de fusión excepcionalmente alto (máis de 3.400 ºC). Durante moito tempo, este mineral dificultara os procesos de extracción da casiterita.

Con todo, a comezos do século XX, descubríronse abundantes aplicacións industriais para o volframio: servía como filamento para lámpadas incandescentes (grazas á súa alta resistencia á temperatura), para fabricar aliaxes de alta resistencia e dureza, e era fundamental para a blindaxe de aceiro e a fabricación de munición perforante e ferramentas de corte de alta velocidade. As antigas minas de casiterita convertéronse, de súpeto, en minas de wolframita e scheelita. A explotación do volframio era moito máis rendible economicamente, aínda que practicamente nunca se deixou de extraer estaño xunto con el.

Recibo de compra-venda de volframio de Fontao

Minas de Wolfram de Balborraz (Fonte: Asociación Buxa)

Importancia Estratéxica na Segunda Guerra Mundial

O punto culminante desta minaría chegou durante o período anterior e durante a Segunda Guerra Mundial. As minas de volframio galegas adquiriron unha importancia estratéxica a nivel mundial. O volframio, alcumado o "ouro negro", era indispensable para a industria bélica alemá, que carecía de xacementos propios significativos.

A demanda disparou o prezo do mineral. Moitas destas minas eran operadas por empresas españolas pero con capital alemán, garantindo así o fluxo cara ao Terceiro Reich. Ademáis, o contrabando, ou estraperlo, non só buscaba desviar o mineral extraído ilegalmente para que non chegase a Alemaña, senón que tamén xerou unha "febre" que levou a miles de campesiños e xornaleiros a buscar volframio, enriquecéndose rapidamente ou, pola contra, sufrindo as consecuencias da vixilancia.

Desta época son abundantes as explotacións, tanto as pequenas (moitas veces froito da minaría artesanal ou o contrabando) en lugares como Vilanova na Veiga, As Sombras en Lobios, Avión, Baldrei en Maceda, e Nocedo da Pena en Sarreaus, como as grandes minas industriais como Fontao (Vila de Cruces), San Finx (Lousame), Valborraz (Casaio) e Vilardecervos (Vilardevós). Actualmente, en Galicia estímase a existencia de máis de 20 zonas con explotacións históricas de estaño e volframio, testemuñas dunha tradición mineira milenaria que se converteu nun recurso crave na historia bélica e industrial contemporánea.

Zonas de indicios ou explotacións de estaño e de volframio

Fonte: Ángel Ferrero

Nombre Provincia Municipio Poblado Coordenadas
Mina de San Finx A Coruña Lousame San Finx 42.752789, -8.822327
Mina de Santa Comba A Coruña Santa Comba Varilongo 43.096963, -8.819335
Mina de Monte Neme A Coruña Carballo Nétoma 43.271528, -8.734449
Minas de Lampón A Coruña Boiro Rozadelas 42.642291, -8.910442
Minas de Doade Ourense Beariz Doade 42.47865, -8.341467
Minas de Avión Ourense Avión Rubillón 42.444639, -8.31412
Minas de Magros Ourense Beariz Magros 42.446189, -8.247191
Minas de Marcofán Ourense Beariz Beariz 42.477599, -8.258094
Mina Santa Cristina Ourense Ribadavia Santa Cristina 42.294853, -8.124384
Mina La Sultana Ourense Gomesende Escudeiros 42.214004, -8.082826
Mina As Sombras Ourense Lobios Torneiros 41.82296, -8.059368
Minas de Baltar Ourense Baltar Gomariz 41.944696, -7.750602
Minas de Baldrei Ourense Maceda Baldrei 42.291236, -7.599045
Minas de Vilar de Cervos Ourense Vilardevós Vilar de Cervos 41.886584, -7.375241
Mina de Pentes Ourense A Gudiña Pentes 42.011833, -7.165552
Minas de Barxa Ourense A Gudiña Barxa 41.989779, -7.165473
Minas de Vilanova Ourense A Veiga Vilanova 42.260203, -6.86642
Mina Tres Amigos Ourense Carballeda de Valdeorras Casaio 42.283341, -6.788048
Minas de Balborraz Ourense Carballeda de Valdeorras Casaio 42.294816, -6.766259
Mina de Penouta Ourense Viana do Bolo Penouta 42.184615, -7.020151
Castro de Mosteiro Ourense Carballiño Mosteiro 42.476342, -8.054697
Mina de Fontao Pontevedra Vila de Cruces Fontao 42.755452, -8.228804
Minas de A Trigueira Pontevedra Lalín A Trigueira 42.556053, -8.228414
Minas de Presqueiras Pontevedra Forcarei Guisande, Barro 42.519386, -8.350798

Casiterita da Mina de Penouta (Viana do Bolo)

Dique de aplita en Fontao (Vila de Cruces)

Wolframita da Mina de Vilanova (A Veiga)

4. O Legado

O legado das minas de estaño e/ou volframio en Galicia é extenso. Pódense atopar numerosas instalacións mineiras: galerías, pozos, gabias, vertedoiros, vivendas, lavadoiros e outras instalacións auxiliares. Non obstante, tamén se pode atopar un rico patrimonio inmaterial en forma de historias e lendas relacionadas con esta minería durante o século XX.

Actualmente existen dous interesantes museos dedicados á minería do volframio en Galicia. Están situados nas antigas minas de San Finx (Lousame) e Fontao (Vila de Cruces). Existe un proxecto de museo no concello ourensán da Veiga, concretamente na localidade de Vilanova.

Bocamina e dique de cuarzo na Mina Vilanova

Poboado mineiro de Fontao (anos 70 e na acualidade)

Esquema dos diques de cuarzo

5. A orixe xeolóxica dos xacementos de estaño e wolframio en Galicia.

O estaño e o volframio atópanse xuntos, de forma característica, no mesmo tipo de depósitos minerais. A súa orixe está relacionada coas etapas finais de solidificación dos abundantes granitos que constitúen gran parte do subsolo galego.

Un granito é o resultado do arrefriamento e a solidificación do magma (rocha fundida) a unha certa profundidade dentro da codia terrestre, nun proceso lento que se estende ao longo de millóns de anos. A medida que a temperatura do magma diminúe, os minerais presentes non cristalizan ao mesmo tempo. Os últimos en cristalizar, son, entre outros, o feldespato potásico, a moscovita (mica branca rica en aluminio) e o cuarzo.

O estaño e o volframio non foron incluídos na composición cristalina da maioría dos minerais formados no granito ata ese momento. Por iso, estes elementos concentranse e forman parte dos diques de pegmatita (Rocha de gran groso, cun tamaño de gran de máis dun centímetro, e composta por moscovita, feldespato potásico e cuarzo) e cuarzo branco (seixo), ou se atopan nas súas inmediacións cando son mobilizados por fluídos hidrotermais quentes. Tamén poden aparecer concentrados nas cúpulas (partes superiores) dos corpos graníticos.

Bocamina de Baldrei

Cristales de wolframita mina de Sanfinx

Lata que conten estaño para a súa fabricación

RUTAS E PUNTOS DE INTERESE

Distancia 12.00 km
Dificultad Media
Alt. Máx 785 m
Alt. Min 450 m
Distancia 7.00 km
Dificultad Media
Alt. Máx 1280 m
Alt. Min 690 m
Distancia 2.50 km
Dificultad Baja
Alt. Máx
Alt. Min
Distancia
Dificultad Media
Alt. Máx
Alt. Min
Distancia 9.50 km
Dificultad Baja
Alt. Máx 790 m
Alt. Min 600 m
Distancia 80.00 km
Dificultad Media
Alt. Máx 400 m
Alt. Min 4 m
Distancia 14.20 km
Dificultad Baja
Alt. Máx 820 m
Alt. Min 550 m
Distancia 1.80 km
Dificultad Baja
Alt. Máx 412 m
Alt. Min 355 m
Distancia 7.30 km
Dificultad Baja
Alt. Máx 403 m
Alt. Min 209 m
Distancia 8.50 km
Dificultad Media
Alt. Máx 1380 m
Alt. Min 1199 m

A orixe social das Minas de Fontao

Vila de Cruces, Pontevedra

Minas de Presqueiras

Forcarei, Pontevedra

Minas de Fontao

Vila de Cruces, Pontevedra

Mina de San Finx

Lousame, A Coruña

Minas de Valborraz

Carballeda de Valdeorras, Ourense

Minas de Baltar

Baltar, Ourense

EL ESTAÑO Y EL WOLFRAMIO EN TU VIDA