ZONA DE EXPLOTACIÓN MINEIRA. DRAGA DE EXTRACCIÓN E NORA
Ourense, Sandiás
Esta é unha zona de extracción de area de gran groso, moi valorada para a fabricación de formigón e asfalto. Unha das súas principais vantaxes é o tamaño de gran bastante uniforme e a escasa presenza de materiais finos, como limos e arxilas. A súa mineraloxía está composta maioritariamente por grans de cuarzo e, en menor medida, por grans de feldespato e fragmentos de rocha formados por ambos minerais. Esta composición indica que estas areas proceden da erosión dos abundantes granitos que rodean a conca.
A extracción realízase mediante dragas, estruturas flotantes equipadas con grandes bombas que aspiran a area mesturada con abundante auga. A través de longos tubos, esta mestura é bombeada ao exterior do oco, onde unha nora —unha máquina rotatoria— separa a auga, a area, as pedras e a arxila. A area resultante deposítase en grandes montes. A profundidade máxima á que chega a succión é de 15 metros. Tanto a posición dos barcos como a da nora vai variando a medida que avanza a explotación.